Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Videcedario: que é unha rolla?

0

Unha semana máis, o programa A vide de Cachín ofréceneos unha nova entrega do Videcedario. Neste caso imos descubrir que é unha rolla, e, unha vez máis, hai división de opinións sobre o significado desta palabra: “Descoñezo o que significa”, “non me soa”, “algo relacionado coa labranza”, “é unha enfermidade que vén na folla”, “un peixe”, “sucidade”, “algo frouxo ou groso”, “a cortiza para tapar os barrís…”.

Pois ben, unha rolla é un tapón, unha peza cilíndrica que pode ser de cortiza ou doutro material, que se emprega para tapar botellas, garrafóns, barrís…

O utensilio que empregamos para sacar ese tapón en galego recibe o nome de tirarrollas ou sacarrollas.

Ademais, unha rolla é tamén unha roda de trapo que se pon na cabeza ou no lombo para levar cargas sen que molesten. Nesta acepción son sinónimos de rolla mulido, mulida e rodela.

Tamén se lle chama rolla a un trapo para limpar.

A semana que vén volveremos cunha nova palabra que nos ensinarán no Videcedario da Vide de Cachín.

E logo, que pensas?