Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Videcedario: que é un bago?

0

Onte comezou a súa andaina na Televisión de Galicia o programa “A vide de Cachín” e xa empezaron a ilustrarnos con novas palabras.

Sabedes o que significa “bago”, con “b”? Había opinións para todos os gustos: “unha persoa preguiceira”, “nin idea”, “un anaco de madeira”, “unha peza dun coche”, etc.

A solución: unha uva considerada individualmente, dito queda. E, para ir ampliando vocabulario vinícola, un conxunto de bagos forman un acio.

A palabra “bago”, sobre todo se non se ve escrita, pode levar a confusión con “vago”, que se refire a alguén folgazán, lacazán, preguiceiro, nugallán, galbán… E o mesmo pasa coa forma en feminino, “baga“, para nomear o froito dalgunhas árbores, e que pode confundirse con “vaga”, preguiceira.

E é que, ás veces, unha única letra, que para máis soa igual, pode cambiar moito o significado dunha palabra. Quen non lembra o típico exemplo que nos poñían na escola de “baca”, utensilio para o coche, e “vaca”, animal?

Recordades algunha máis?

 

 

 

E logo, que pensas?