Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Videcedario: que é o bagazo?

0

Na segunda entrada do Videcedario do programa “A vide de Cachín” temos nova palabra para aprender. Que é o bagazo? E moitas foron as respostas: “Non teño nin idea”, “algo do millo”, “de onde sae o viño”, “unha cunca de viño”, “que cheira a mar”, “o resto da uva que se utiliza para a augardente”.

Sorpréndenvos as respostas? Igual unhas máis ca outras… Algunhas remítennos a algunha palabra que soa parecido, aínda que non ten nada que ver. Por exemplo, a de “que cheira a mar?” tráenos á memoria o termo argazo, que son as algas que bota o mar contra as praias.

Pois o bagazo ou bagaño é o residuo da uva despois de espremela e sacarlle o líquido. Tamén se lle chama bagullo, bullo, baga ou bagaña, dependendo da zona en que esteamos.

Como ben dicían algunhas das persoas ás que lle preguntaron, o bagazo úsase para facer algo tan noso como é a augardente, que tamén ten o seu propio ritual de elaboración. Cantos galegos e galegas se xuntaron arredor do alambique ou alquitara para falar uns contos ano tras ano! Ver como se fai a augardente é en certa medida un espectáculo e un punto de encontro entre veciños e amigos, que aproveitan para conversar e para tomar un café cunhas gotas desta bebida acabada de facer.

Cal será a próxima palabra coa que nos sorprenderán no Videcedario? Estaremos pendentes!

E logo, que pensas?