Esta semana no programa A vide de Cachín trouxéronnos un termo novo para o Videcedario: maloláctica, e polo que vemos na rúa, parece que non é unha palabra moi coñecida: “Non teño nin idea”, “algo sobre o leite”, “de lácteos malos”, “non me soa para nada”, “da Vía Láctea ou así”, “é a primeira vez que a escoito”, “estar maluco, como din os portugueses”, “a min sóame que ten algo que ver co fermentación do viño”, “a saber”…
Pois ben, Cachín explícanos o que a maloláctica ten que ver coa fermentación (o proceso de transformación química sufrido por unha substancia orgánica debido á acción dalgúns microorganismos como o fermento, as bacterias etc.) do viño. A maloláctica é unha segunda fermentación, fundamental sobre todo para os viños tintos. Sen ela serían viños moi duros e despois poderían gasear na botella. Despois desta segunda fermentación os viños quedan como desprotexidos e hainos que trasfegar (pasalo dun recipiente a outro) inmediatamente e engadirlles sulfuroso adecuadamente.
En galego, a palabra fermento tamén fai referencia á masa de fariña fermentada que se emprega para levedar o pan, á que tamén se chama lévedo ou requento.
Con que palabra nos sorprenderá Cachín a semana que vén? Temos que agardar para sabelo!
E logo, que pensas?