Se hai unha peza de roupa coñecida en Galicia, esa é a saia da Carolina, que ten un lagarto pintado. Ademais, cando Carolina baila, o lagarto dálle ao rabo. Estamos a falar dunha das cancións tradicionais máis coñecidas e cantadas, non só en Galicia, senón tamén en Portugal, en Zamora, en León… É A Carolina, unha peza cunha melodía alegre e pegadiza, cunha letra chea de retranca e dobres sentidos, que se transmitiu de boca en boca, xeración tras xeración, de pais a fillos, de avós a netos…
Aínda que é unha composición tradicional, en 1978 popularizouna o grupo Fuxan os Ventos. Eran tempos de cambio, de reivindicacións do noso, da lingua, da cultura e tamén da música popular. E así empezou a soar A Carolina nas televisións, nas radios, nas festas… Unha Carolina con moitas versións, cada unha delas co seu encanto, estilo e personalidade.
Mostra disto deuna o programa da TVG No bico un Cantar, que se encargou de explicar todos os detalles desta popular peza, dende o punto de vista máis tradicional.
Agora, unha nova aposta da CRTVG pola música galega, musi.gal, achega da man do programa Intermusic A Carolina á musica clasica, e ofrécenos unha versión desta composición galega interpretada con violíns.
E logo, que pensas?