Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Unha cidade de festa e curiosidades

0

Achéganse as festas do Apóstolo, con celebracións en múltiples vilas e cidades, sendo Santiago de Compostela un punto clave nestas datas.

Pois ben, chegou a hora de tomar decisións. Queres ver os fogos do Apóstolo? Se a resposta é afirmativa, desde onde prefires facelo? Haberá quen escolla gozar deles desde a comodidade do sofá ou da cadeira da súa casa, posto que, coma todos os anos, a TVG ofrecerá a retransmisión deste espectáculo. Outros desprazaranse a Santiago, intentarán coller sitio na praza do Obradoiro, na alameda ou subirán ata algún miradoiro, coma o do Pedroso, para contemplar os fogos.

Estes son días de moita concorrencia de xente, con moitos turistas e peregrinos, que aproveitan o Día do Apóstolo para remataren o Camiño e chegaren a Santiago, visitar a cidade e, como non, a catedral. O Camiño, un potente motor da cidade, está rodeado de milleiros e milleiros de curiosidades, pero quizais hai unha que moita xente non coñece: a que o relaciona co xogo da oca.  Existe certa crenza ou rumor que afirma que este xogo era un mapa cifrado do Camiño, onde se sinalaban lugares e puntos relevantes. Se isto é certo ou non seguramente nunca o saibamos. E, xa que estamos, aproveitamos para comentar que a palabra oca en galego e correcta para nomear este xogo, pero para a ave debemos empregar o termo ganso.

E seguindo en Santiago, por que non aproveitamos para pór en práctica algunhas tradicións curiosas da cidade? Unha moi coñecida, que xa non se pode facer para evitar danos na escultura, era a de darlle uns croques ao Mestre Mateo, que nos transmitía sabedoría. Á parte desta, tamén podemos achegarnos a capela da Corticela, con papel e boli na man, e deixar alí escrito un desexo ou petición. Ademais, debemos fixarnos ben no pórtico da Gloria, nunha figura que ten unha peculiaridade en que moita xente non repara: está sorrindo. Trátase do profeta Daniel: un home novo, co pelo rizado e cun sorriso pícaro. A lenda conta que sorría así debido á figura que tiña en fronte, a raíña de Saba, que foi esculpida con tanta voluptuosidade que seica o profeta non puido reprimir o sorriso.

Feito isto, e xa fóra da catedral, se hai alguén que aínda non teña moi decidido o seu futuro académico, podemos achegarnos ao pazo de San Xerome, xa que nel atopamos unha árbore da ciencia, feita en ferro, da que colgan ramificacións cos nomes das carreiras e oficios (astronomía, filosofía, ciencias, arte, bioloxía, matemáticas…). Por iso, un estudante que non sabe que carreira ou oficio escoller debe poñerse de costas a esta árbore e escoller unha disciplina ao chou, sinalándoa co dedo de costas.

Despois deste pequeno paseo virtual, que continúe a festa por Galicia. Gozade dela!

E logo, que pensas?