Imaxinades como seriades vós mesmos se nunca lerades un libro? Cambiaría algo a vosa forma de ver a vida? Un libro é unha porta de entrada a un universo descoñecido, sorprendente, marabilloso…, un mundo paralelo que nos absorbe e que muda cousas en nós. Cada persoa vai escribindo pouco a pouco o libro da súa propia vida; un libro que inicialmente está en branco e que vai pouco a pouco enchendo páxinas de vivencias, de aprendizaxe, de vida…
Hoxe celebramos o Día Internacional do Libro, coa intención de fomentar a lectura. Elixiuse esta data porque coincide coa da morte de Miguel de Cervantes, William Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Por iso, que mellor día que hoxe para promover o pracer da lectura, de mergullarse en historias e relatos descoñecidos que nos farán gozar, pero tamén aprender e mellorar.
Definitivamente, nada sería o mesmo sen os libros e o pracer da lectura. En Galicia temos grandes escritores/as e un grande abano de posibilidades de libros en galego, así que… por que non ler en galego? Non hai ningún motivo! Achégate á nosa literatura, coñece obras novas, descubre o marabilloso mundo literario galego.
Hoxe, Día Internacional do Libro, e sempre, saborea a nosa lingua, a nosa literatura… Quedarás abraiado/a!
E logo, que pensas?