Seguramente a Semana Santa non é a época do ano máis rica e variada en canto a comidas, xa que a tradición cristiá, totalmente vinculada a estas datas, manda non comer carne durante a Coresma, polo que os pratos que se consomen estes días moitas veces veñen condicionados por este feito, a denominada vixilia, que moitos crentes respectan e que implica a privación de comer carne por precepto da Igrexa.
O habitual é recorrer ao pescado e aos ovos, pero tamén aos legumes, sendo un prato moi consumido a potaxe.
As torradas, rebandas de pan enchoupadas en leite e ovo, fritidas e azucradas, son outro dos produtos máis característicos destas datas. Ademais de servir para aproveitar o pan reseso, o seu aporte enerxético axuda a compensar as posibles carencias nos días de vixilia.
As chulas, pequenas tortas elaboradas con fariña, ovos e leite, que se frixe na tixola e ás que se lles pode engadir azucre, son tamén alimentos moi propios da Semana Santa. Ademais, poden levar o recheo que máis nos preste, como crema, nata ou chocolate. O mesmo pasa coas filloas, que a pesar de ser características do Entroido, seguen coméndose nestes días.
O leite frito é outro dos alimentos que se elabora en moitos fogares por estas datas. É unha sobremesa que se prepara cunha masa de fariña e leite que se reboza e se frite.
As papas de arroz, ou arroz con leite, un doce elaborado con arroz cocido en leite azucrado e aromatizado con rela de limón ou de laranxa e canela, tamén aparecen en moitas mesas estes días.
Todos estes pratos non se consomen exclusivamente en Semana Santa, pero si teñen unha maior presenza estes días.
En Galicia, se algo non pode faltar é a rosca ou roscón de Pascua, coa que os padriños e as madriñas tradicionalmente agasallan os/as seus/súas afillados/as. E tamén os ovos de Pascua, feitos de chocolate.
Xa se nos fai auga na boca con tanto manxar! Bo proveito!
E logo, que pensas?