Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Tempo de festa, tempo de Entroido

0

Estamos xa metidos de cheo nunha das festas máis tradicionais de Galicia, o Entroido. Son días de moita troula, de moita comida e de moita alegría. Espalladas por todo o territorio galego, son múltiples as opcións de entretemento que atopamos, tanto gastronómicas como festivas.

Sen lugar a dúbidas, un dos puntos de Galicia onde máis se vive esta festa é no corazón de Ourense, no chamado triángulo máxico: Xinzo de Limia, Verín e Laza, onde xa levan varias fins de semana de festa e seguen! E non é para menos, que as tradicións mandan: en Xinzo de Limia gozan ao máximo das pantallas, en Verín saen os cigarróns e en Laza os peliqueiros.

Pero non só nestes lugares gozan dun Entroido mracadamente tradicional. En Viana do Bolo, en Ourense, tamén teñen unha figura emblemática do Entroido, o boteiro, e en Maceda, tamén en Ourense, poden presumir de ter a figura máis ancestral do Entroido ourensán, os felos.

En Cobres, Pontevedra, saen as madamas e os galáns, que enchen de elegancia estas festas.

Á comarca da Ulla, na provincia da Coruña, chegan os xenerais, que percorren dacabalo as parroquias, e o Demo, nun Entroido rural tradicional.

En Lugo, en Chantada, teñen o Entroido Ribeirao, cos seus personaxes típicos: os volantes e os maragatos. Ademais, na Pobra do Brollón sae o oso de Salcedo.

Estes días respírase en toda Galicia festa e diversión, con disfraces máis ou menos tradicionais e, en moitos sitios, con desfiles de carrozas e comparsas.

Tamén son festas de moito comer, estamos na época do cocido, do botelo, da androlla e, como non, das filloas (ou freixós) e das orellas.

Son, polo tanto, datas de gozar ao máximo, de rir e de sentar ante unha boa mesa.

 

E logo, que pensas?