Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Subimos á biclicleta: palabras do ciclismo

0

Estes días un dos temas dos que máis se fala nos deportes é o do paso por Galicia da Volta Ciclista a España. Por ese motivo, hoxe imos dedicar esta entrada de Saborea a lingua a comentar algúns dos termos relacionados co ciclismo.

Coma todos os deportes, o ciclismo ten unha linguaxe específica que empregan con precisión os seus afeccionados. Un dos termos que se emprega en galego frecuentemente é ‘mountain bike’, unha forma inglesa que nós podemos substituír por bicicleta de montaña, cun significado exacto.

Relacionados co sistema de transmisión das bicicletas atopamos termos como cadea, pedal, piñón e prato. Esta última é a forma que debemos empregar en vez de *catalina, un termo que non é correcto en galego.

Así mesmo, empregamos a forma pedalear para o feito de pór en movemento o pedal; pedaleo para a acción e efecto de pedalear e pedalada para o impulso que se dá co pé nun pedal.

A palabra pelotón emprégase para designar o conxunto formado pola maior parte dos ciclistas que participan nunha carreira, cando van agrupados. Así mesmo, para referirnos ao ciclista que vai en última posición debemos evitar a expresión castelá *farolillo rojo, substituíndoa por formas propias como derradeiro, cabeiro ou, máis coloquialmente, pechacancelas ou pechaportelos.

En ciclismo emprégase o termo abano (non *abanico) para designar a forma que toma o pelotón para protexerse do vento.

Unha das palabras de uso máis frecuente en ciclismo é maillot, unha palabra francesa que lle dá nome á peza de roupa moi axustada que empregan os ciclistas. En galego, esta forma convive con camisola.

En relación coas modalidades do ciclismo, para referirnos á que se practica nun terreo accidentado, debemos empregar o termo ciclocrós (non *ciclocross).

E logo, que pensas?