Atención, pregunta! Quen é o bulebule por excelencia da TVG? Siiii, acertaches! É Shin Chan, que volve ás pantallas da TVG na súa segunda canle.
Quen non se lembra dese pequeno rebuldeiro, tan riquiño el, que en tantos apertos metía a seus pais e a toda a xente que o rodeaba? É que os nenos e nenas son unha canteira de bos momentos, aínda que non sempre!
Cantas palabras podemos empregar en galego para definir o comportamento infantil? Un montón! Abelurio, besbello, charabiscas, fedello, fervello, fuxefuxe, fervellasverzas… son algúns dos exemplos para referirse aos/ás tenros/as infantes, inquietos/as por natureza.
Os/as meniños/as, ou cativos/as, pequerrechos/as, pícaros/as, pequenos/as, son sempre símbolo de espontaneidade e naturalidade… E en cantos apuros nos meten ás veces! Pero tamén nos sacan as palabras e expresión máis cariñosas: “Meu ben“, “miña prenda“, “miña xoia“, “meu tesouro“, “miña rosa“, “meu caravel“, “miña rula“, “meu ruliño“…
Si, os/as nenos/as, igual ca Shin Chan, son faladeiros/as, ou falangueiros/as, laretos/as, larapeteiros/as… Falan, rin, choran, protestan… Pero… imaxinades que non fosen así? Non, verdade?, porque así xa non serían nenos/as.
Sonche faladeiro, descarado e bo larpeiro,
deixo a todos quedar mal. Shinnosuke é un bulebule
para enredar e dechotarCando hai que conquistar, aí si que non teño par,
e facendo as beiras son, moi lanzado e picarón.Come on baby! come on baby! Os pementos que noxo dan!
Mira que trompa, que cacho trompa
Trompa, troompa….
E todos saben que son Shin Chan.Medo ten a xente cando me ve de repente,
no se vai zafar ninguén. Se quedas conmigo, ímolo pasar moi ben,
e verás que eu son especial….
E logo, que pensas?