Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Se perdemos a fala non seremos ninguén

0

“O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo”.

Hoxe é o día grande da literatura galega, a gran celebración das nosas letras. Tal día coma hoxe, alá polo ano 1863, publicábase en Vigo o primeiro exemplar de ‘Cantares Gallegos’, de Rosalía de Castro, por iso se escolleu esta data, o 17 de maio, para celebrarmos o Día das Letras Galegas. Cada ano, dende 1963, homenaxeamos unha figura representativa da literatura galega, encabezando a listaxe Rosalía de Castro e pechándoa, por este ano, Manuel María.

“O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor”.

Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei en 1929 e finou na Coruña no ano 2004. Foi poeta, dramaturgo e académico da lingua galega. Ademais, sempre tivo un forte compromiso político. Tamén foi membro da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

“O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós”.

A temática da obra de Manuel María é moi ampla, destacando a denuncia de dificultades e o compromiso político, o mundo animal, os traballos agrarios, a sociedade, a relixión e a lingua.

“O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo”.

O escritor chairego é un dos poetas galegos máis musicados. Moitos grupos galegos puxéronlle música a composicións súas.

“O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa”.

Este 17 de maio, a lembranza de Manuel María amósanos o compromiso do poeta con Galicia e co galego. Digno merecedor desta homenaxe, dos seus versos mana o afecto e cariño polo noso, a defensa do propio, o amor pola terra e pola xente.

“O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!”

Manuel María tiña razón, non seremos ninguén se perdemos a nosa fala, esa forza que nos sostén, ese patrimonio noso que nos define e nos completa.

“O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!”

Precisamos a lingua se queremos vencer, renunciar ao idioma sería morrer. Toda unha declaración de principios e de defensa que segue moi vixente hoxe.

Estes versos que empregamos compoñen o poema ‘A fala’, de Manuel María, e non podemos atopar nada que defina mellor o aprecio e a querenza polo galego. Hoxe, Día das Letras Galegas, é a gran festa da nosa literatura, pero as nosas letras están aí todo o ano, dándonos azos, deleitándonos e facéndonos vivir. Gocemos de 365 días das letras galegas!

E logo, que pensas?