Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Regueifando con Alalá

0

No programa Alalá non deixan de descubrirnos e ensinarnos cousas. Neste caso fálannos da regueifa e cóntannos detalles descoñecidos para moita xente.

Cando falamos de regueifa pensamos na disputa dialéctica improvisada e en verso entre dúas ou máis persoas sobre un tema. O que non todo o mundo sabe é que a regueifa é, especialmente, a que desenvolven os asistentes a unha voda.

A regueifa ten orixe galego-portuguesa e segue estando moi vixente na actualidade, xa que contamos con coñecidos regueifeiros como, por exemplo, Pinto de Herbón, Luís ‘o Caruncho’, ou Benito Lobariñas.

A regueifa non só é unha disputa en verso entre varias persoas, tamén se lle chama regueifa ao molete de pan adornado con ovo, azucre, caramelo etc., con que se obsequia aos invitados a unha voda e aos veciños dos noivos. Ademais, tamén recibe este mesmo nome o roscón que gañaba a parte que mellor facía a regueifa nunha voda.

Vemos polo tanto que o concepto ‘regueifa’ é máis amplo do que se pode pensar. Intimamente ligado ás vodas, era unha forma de festexo, de celebración, de compartir un doce e un momento coa xente máis achegada, como ben nos explican en Alalá.

E logo, que pensas?