Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Quen che dixo a ti que a flor do toxo…

2

En moitas vilas galegas andan estes días moi atarefados coa elaboración das alfombras do Corpus Christi, unha tradición que se repite ano tras ano en lugares como Ponteareas, Bueu ou Redondela. De feito, as de Ponteareas teñen o recoñecemento de Interese Turístico Internacional.

Esperando que a chuvia dea unha tregua, imos facer un repaso a algúns nomes dos materiais que se empregan para a elaboración destes tapices. A maior parte deles está feito con flores de diferente tipo, aínda que tamén hai unha parte elaborada con serraduras, grans de café e cereais (como poden ser o millo e o trigo).

Así mesmo, tamén se empregan plantas como o fiúncho (ou fiollo) e arbustos con flor como a carroucha (tamén chamada carrasca, carpaza, carrasco, cubilón, foupa, queiroa, queiroga, queirota ou queiruga) ou a carqueixa (ou lavacuncas).

Ademais, tamén se recollen estalotes (tamén chamados estraloques, abeluria, baloco, borleta, croque, dedaleira, milicroque ou sanxoán). En moitos lugares incluso empregan a flor do toxo, que leva por nome alecrín, chorima ou chorida.

Con respecto ás flores, valen todas para decorar a alfombra, dende hortensias a rosas e caraveis. Dependendo do deseño e das cores que precisen escollerán unhas ou outras.

Este laborioso traballo ten recompensa cando as rúas quedan cubertas con este incomparable pano. Para pór en valor estes tapices, Ponteareas, Bueu e Redondela van solicitarlle á Unesco que os declare Patrimonio da Humanidade.

2 Comments

  1. Dolores Gregorio González

    Ola,
    Na zona da Cañiza e Crecente, concellos do sur de Pontevedra, aos estalotes chámaselle TOUPÓNS.

    Un saúdo

    Responder
    • Rocío Pérez

      Moitas grazas pola túa achega, Dolores! Agradecémosche moito a túa contribución.
      Saúdos.

      Responder

E logo, que pensas?