Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Que tipo de lombo tes?

0

lombolombo

Que tipo de lombo tes? Soa unha pregunta un pouco rara, pero como ben explica Alba Cons neste vídeo, temos que prestarlle atención ao noso corpo, neste caso ao lombo, ao que tamén se lle chama costas, carrelo ou dorso, referíndonos á parte posterior do corpo humano, que vai dende os ombreiros ata o van (cavidade entre as costelas e os ósos das cadeiras), e que hoxe nos serve para refrescar algúns nomes en galego das partes do corpo.

Sabías que a parte baixa do lombo das persoas situada á altura dos riles recibe o nome de cadril? Si, esa parte que tantas veces nos doe cando estamos moito tempo sentados. E tamén recibe ese mesmo nome o óso da cadeira.

E baixando un pouco, onde o lombo xa vai perdendo o seu nome, atopamos os glúteos aos que alude a readaptadora física, que abarca o que en galego chamamos nádegas ou cachas, situadas entre o final da columna vertebral e o comezo da coxa, que é a parte que vai desde a cadeira ata o xeonllo. E, tamén, moi cerca das coxas, está a pube, que vén sendo a parte inferior do ventre, que forma un triángulo entre as dúas coxas.

Toma boa nota dos consellos do vídeo, fíxate en se tes un lombo lordótico, e se non é así, sigue pendente dos consellos desta readaptadora física para outros tipos de lombo.

E logo, que pensas?