Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Pequenos pasos para un galego máis noso

0

No galego, coma en todas as linguas, hai multitude de estranxeirismos: palabras ou frases estranxeiras que os falantes adoptamos e que, moitas veces, acaban substituíndo as formas propias do idioma.

Quen non empregou algunha vez en galego ‘casting’, ‘catering’, ‘ranking’, ‘doping’, ‘puzzle’, ‘disc-jockey’, ‘parking’, ‘link’, ‘light’…? Seguro que todo o mundo nalgún momento as usou, pero convén evitar o seu uso (e abuso) e primar o emprego de palabras propias galegas, que veñen significando o mesmo e soan igual de ben, ou aínda mellor!

Aínda que os/as falantes adoptamos palabras de moitos idiomas para incorporalas á nosa lingua, o inglés é de onde máis léxico collemos, xa que, na actualidade, con Internet e as novas tecnoloxías a pleno rendemento, moitas formas novas veñen precisamente nese idioma, e mantémolas así tamén en galego.

Desde Saborea a lingua queremos demostrar que as formas galegas son igual de válidas ca as alleas, así que, imos ir comentando termos tomados do inglés e propoñendo posibles solucións en galego para esa palabra. Deste xeito, veredes que non é tan difícil evitar os anglicismos e fomentar as formas propias.

Con esta iniciativa queremos ir dando uns pequenos pasos para conseguir un galego máis puro, máis noso.

Hoxe comezamos esta andaina cunha palabra que vai conseguindo pouco a pouco un oco no galego: ‘cancelo’, como substituta da forma inglesa ‘hashtag’.
O cancelo é a palabra ou cadea de palabras precedida do símbolo # que funciona como ligazón e chave de busca, así como etiqueta para indexación, nalgunhas redes sociais.

O uso de ‘hashtag’ está moi estendido e consolidado, pero a forma ‘cancelo’ vai abrindo camiño e xa é un termo bastante común.

Non debemos esquecer que a preferencia de uso das formas galegas en todos os contextos axuda a depurar a lingua  e a facela máis nosa.

E logo, que pensas?