Hoxe chegou ás nosas mans unha pequena xoia en forma de libro: ‘Platero e mais eu’, a versión galega, feita por Manuel Beiras, desta coñecida obra de Juan Ramón Jiménez.
Este libro, publicado por Edicións do Castro en 1990, ademais de permitirnos gozar desta coñecida historia na nosa lingua, tamén nos ofrece unha particularidade: un pequeniño glosario ao final de cada capítulo que nos achega termos galegos e tamén a súa forma castelá correspondente, onde podemos descubrir termos descoñecidos ou palabras que xa teñen moi pouco uso no noso idioma.
Nas pequenas listaxes de vocabulario que figuran na obra atopamos termos como velaíño (co significado de ‘suave’, ‘delicado’), algareo (‘confusión ruidosa de voces e gritos’), fragoso (‘terreo abondoso en penedos, crebas e desniveis pronunciados, polo que o paso é difícil’), agraz (‘froito sen acabar de madurar’), cotarelo (‘monte de pouca altura e de forma cónica’) e outras moitas palabras ás que paga a pena botarlles unha ollada.
E logo, que pensas?