Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Pechacancelas, caneos, desquites e outras cousas do deporte

2

A linguaxe deportiva é un campo moi amplo e cheo de matices en todos os idiomas, e en galego tamén, evidentemente.

Cando oímos ou lemos as noticias de deportes en galego sáennos palabras como ‘apupo’, ‘xergo’, ‘desquite’, ‘pechacancelas’… e outras moitas que, ás veces, espertan a nosa curiosidade. Por iso, hoxe imos facer un pequeno repaso destas palabras da linguaxe deportiva que son propias do galego.

Os xogadores, antes de saír ao terreo de xogo, precisan unha preparación, un adestramento,  polo tanto, adéstranse (non *entrenan).

En todos os conxuntos hai xogadores zurdos  e destros, e para estes termos podemos empregar sinónimos como ‘manicho’, ‘xergo’ ou ‘esquerdeiro’ para aqueles que empregan a perna esquerda, e ‘dereiteiropara os que usan a dereita. Así evitamos abusar dun único termo.

En moitos deportes hai porteiros, aos que en galego tamén lles chamamos ‘gardameta’, ‘gardarredes’ ou ‘gardamallas’.

Outra das palabras que se escoita acotío é ‘canear’, co substantivo correspondente ‘caneo’. Emprégase este termo para referirse ao acto de esquivar un ou máis xogadores para seguir adiante co balón. Un sinónimo deste termo é ‘driblar’.

En galego non existen as *revanchas, senón que temos desquites, cando falamos dun encontro que lle dá ao perdedor unha nova oportunidade para gañar.

Deportivamente, as cousas non sempre van ben, e a afección, ás veces, protesta desde as bancadas con apupos (non *abucheos), manifestando que non está conforme co que está vendo no terreo de xogo. E, precisamente, cando a un equipo non lle vai ben e está no último posto da clasificación falamos de ‘pechacancelas’, ‘pechaportelos’ (que son formas máis coloquiais), ou ‘cabeiro’ (que é un termo máis formal). Pola contra, cando a un equipo lle vai moi ben e está no primeiro posto dicimos que ten o liderado (non *liderato).

Nos deportes, ao igual que noutras parcelas da lingua, hai bastantes estranxeirismos, formas alleas que podemos substituír case sempre por outras expresións propias, por exemplo, cando falamos de ‘final four’ podemos dicir ‘final a catro’; en vez de ‘play-off’ podemos empregar ‘eliminatoria’, e no canto de ‘goal average’ podemos usar ‘coeficiente de goles’.

O galego tamén está moi presente no deporte, por iso debemos depuralo e tentar empregar sempre as formas propias e os termos máis correctos e axeitados.

 

 

 

 

2 Comments

  1. Artur

    “Diferenza de goles” reflicte moito mellor o significado de “goal average” que “promedio de goles”, pois non se promedia nada senón que se ve a diferenza entre goles marcados e encaixados.

    Responder
    • Rocío Pérez

      Moitas grazas pola contribución, Artur. É totalmente apropiada a suxestión e achéganos unha solución moi correcta. Saúdos.

      Responder

E logo, que pensas?