Hoxe imos comentar algúns termos que aparecen frecuente e incorrectamente en galego. Vendo noticias e comentarios referidos a eleccións e referendos varios, aparécennos con moita frecuencia estes termos: *descalabro e *debacle, dúas formas que non son correctas na nosa lingua.
O termo *descalabro, de orixe castelá, emprégase para designar unha deterioración, perda ou dano moi grave. En galego debemos evitar o seu uso empregando formas como desfeita, desastre, derrota ou catástrofe.
A palabra *debacle provén do francés e designa unha derrota total ou un desastre que causa desorde e desconcerto. Non é unha forma admitida en galego e debemos substituíla por termos como declive, ruína, hecatombe e tamén, igual que no exemplo anterior, desfeita, desastre ou catástrofe.
Estes son uns pequenos paso máis para conseguirmos un galego máis noso.
E logo, que pensas?