Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

O mar está revolto

0

O certo é que estes días o tempo non está para botarse á rúa, e moito menos ao mar. Que se alerta amarella, que se laranxa, que se vermella… A cousa non está para achegarse ás praias e contemplar as ondas, xa que a beleza da paisaxe non compensará o risco que corremos.

Ao longo destes días foron moitos os termos relacionados co tempo que oímos e empregamos, co tempo e co mar… O principal: chove a mares. Por iso, imos ver algunhas formas que usamos en galego para referírmonos ao estado do mar.

O mar pode estar de moitos xeitos, un deles é picado, e dicimos isto cando está moi axitado e pode facer perigosa a navegación. Ao mar picado tamén se lle chama mar rixo.

Empregamos mar de fondo para o estado do mar con ondas xeradas polo vento, que se estenden fóra da zona onde se orixinan. Ademais, para a forza do movemento do mar, sen a acción especial do vento temos en galego o vocablo andacía.

Moitas veces en galego emprégase *alta mar para aludir ao mar a moita distancia da costa. Esta forma non é correcta en galego (mar en galego é masculino, polo que en todo caso tería que ser *alto mar, forma que tampouco se emprega), e recoméndase empregar mar aberto ou mar a fóra.

Outras das expresións que aparecen continuamente estes días son preamar, o nivel máis alto que acada a marea, e baixamar, o nivel máis baixo que acada a marea.

O mal tempo deunos pé a comentar unhas cantas palabriñas en galego; esperemos que pronto veña o bo tempo e así comentaremos vocabulario referido ao sol e á calor!

 

E logo, que pensas?