Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

O galego desde o berce

0

O apego é a afección, inclinación, amor por algo ou alguén. Ese é o nome que escolleron para un precioso proxecto dedicado aos pais e nais e aos/ás seus/súas pequenos/as. Naceu por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese mediante a colaboración dos servizos de normalización e os concellos adheridos.

Aos/ás meniños e meniñas transmitímoslles desde o berce milleiros de sensacións, sentimentos, valores…, pero tamén lles achegamos unha lingua en que falar.

Que mellor que aloumiñar os/as nosos/as pequenos/as en galego? Por que non arrolalos/as no noso idioma? A dozura dos bebés unida ao apego duns pais e nais que lles len aos/ás seus/súas pequechos/as libros en galego, que cantan arrolos (ou nanas) na nosa lingua, que lles achegan os axóuxeres (non *sonajero) aos bebés.

Queremos que os/as nenos/as teñan apego polo galego, que cando os nenos brinquen, rebeiren, rubulden, trebellen… que o fagan falando en galego, e que seus pais e nais (e toda a contorna familiar) estean aí para animalos/as a facelo.

Apego axuda á socialización en galego e propón o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura dos/as meniños e meniñas.

Aloumiñemos os bebés en galego, axudemos a que sintan ese apego polo idioma, polo noso…, un cariño que se mama, que nace xa desde o berce.

E logo, que pensas?