Cantos/as de nós medramos co Xabarín Club da Televisión de Galicia? Cantos/as nenos e nenas de hoxe gozan desta programación infantil da TVG? Seguro que fomos e son moitos/as!
Un dos espazos de máis éxito deste programa foi As tartarugas mutantes (para moitos/as, As tartarugas ninja). Miguel Anxo, Donatello, Leonardo e Rafael fixeron común e habitual o nome tartaruga entre moita xente, mesmo en persoas non galegofalantes). De feito, o propio vehículo que empregaban levaba este nome, Tartaruga, noutros idiomas, como o castelán (por influencia do italiano).
A palabra tartaruga é sempre unha das que destaca nas listaxes de termos preferidos en galego. Así mesmo, ten como sinónimo o termo sapoconcho.
Dentro da programación infantil da TVG, este animal ten presenza destacada, xa que aparece tamén, por exempo, en ‘Os contos do Camiño’ con ‘A tartaruga que quería durmir’.
Os debuxos animados, sen ningunha dúbida, son unha forma perfecta de achegar a lingua aos/ás meniños/as, que a van adquirindo case sen darse de conta dun xeito ameno e didáctico.
Na sección Infantil da TVG hai unha ampla oferta de contidos para os/as máis peques, que seguro que os gozarán e aproveitarán ao máximo.
E logo, que pensas?