Esta noite celebrarase en moitos sitios de Galicia o Samaín, unha festividade de orixe celta coa que, na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, se celebraba a fin da temporada de colleitas e coa que comezaba o que chamaban a ‘estación escura’.
Durante este día, os pobos celtas crían que se diluía a fronteira entre os vivos e os defuntos, polo que os espíritos regresaban ao mundo. Para escorrentar os espíritos malignos empregaban vestimentas e máscaras, e tamén lles presentaban ofrendas aos defuntos.
O Samaín, que permaneceu esquecido durante moitos anos, volve celebrarse en moitos lugares de Galicia, e tamén en Asturias e León. Hai quen di que esa tradición celta seguiu sempre viva, pero tamén hai quen cre que foi o Halloween americano o que espertou de novo estas celebracións en Galicia. Con todo, estes días veremos tendas engalanadas para a ocasión, cabazas e candeas iluminando, disfraces terroríficos…, porque o Samaín está en auxe.
Ademais, o galego sempre foi un pobo moi achegado a todo o relacionado cos mortos e os espíritos, polo que acollemos esta celebración de bo gusto.
E logo, que pensas?