Na nosa lingua hai moitos termos para designar os membros máis novos da casa: neno/a, meniño/a, cativo/a, pequeno/a, pequerrecho/a, rapaz/a, petís, criatura e, tamén pícaro/a. Este último é, ademais, un termo que se emprega para designar a quen actúa con astucia para sacar partido dun feito ou situación. Agora, ademais, o seu diminutivo en feminino: picariña dálle nome á primeira canle dixital de música infantil e xuvenil da Radio Galega: Radio Picariña. Esta canle está integrada na marca Xabarín e ofrece unha selección mil cancións en lingua galega para os máis pequenos, de balde.
As cancións que inclúe Radio Picariña están ordenadas de forma alfabética por título. Na información que se mostra está o título da canción, o álbum ao que pertence e os seus autores.
Esta nova canle dixital permite achegar a rapazada á música en galego e, polo tanto, á propia lingua, dun xeito dinámico, entretido e doado, que seguro que lles ha encantar aos/ás máis novos/as.
E logo, que pensas?