Na entrada anterior comentabamos algunhas curiosidades, coincidencias e diferenzas entre o galego e o portugués. Hoxe, unha vez máis, e grazas á ‘Morangos con açúcar’, imos seguir falando sobre algúns aspectos destas dúas linguas.
Comezaremos por sinalar, como ben indican Carlos Amado e Natalia Novoa, que existen diferenzas entre o portugués europeo e o do Brasil, por iso aclaran que un dos termos que comentaban no vídeo anterior, ‘rabo’, ten no Brasil un aspecto ‘muito feio’, vulgar, que non ten en Portugal, e que eles prefiren as formas ‘bumba’ ou ‘bumbum’.
Ademais, como nos gusta ser agradecidos, hoxe achegámonos ás formas de agradecemento en portugués. En galego empregamos ‘grazas’, ‘graciñas’ ou ‘moitas grazas’ maioritariamente, mentres que en portugués din ‘obrigado/a’, ‘obrigadinho/a’ ou ‘muito/a obrigado/a‘ e ‘obrigadissimo/a’.
E nas linguas tampouco é todo o que parece. Neste vídeo comentan unha expresión que escoitamos en ‘Morangos con açúcar’: “puto malcriado”. Aínda que soa e se escribe igual ca en galego, ten un significado ben distinto. Teñen un parecido moi razoable, pero son moi diferentes. En portugués empregan o termo ‘puto/a’ para referirse á rapazada, aos meniños e ás meniñas. E, si, xa todos e todas sabemos o que significa en galego…
‘Morangos con açúcar’ achéganos un pouco máis esta lingua que temos tan preto, sigamos aprendendo cousiñas novas!
E logo, que pensas?