Quen di morango di amorodo; quen di açúcar di azucre… e entendémonos! A unión entre o galego e o portugués é incuestionable, por iso, a TVG, na súa segunda canle, aposta pola emisión dunha telenovela con este doce nome: ‘Morangos com açúcar‘, que nos achegará un pouco máis a esta lingua veciña.
Esta ficción é a primeira que a CRTVG emite en portugués na súa versión orixinal, con subtítulos en galego. A telenovela consta de 120 capítulos, dunha duración de 50 minutos cada un, que se emitirán de xeito íntegro na segunda canle da TVG.
‘Morangos com açúcar’ vai ensinarnos un chisquiño máis de portugués, xa partindo do seu título. En galego, ao froito da amorodeira chamámoslle amorodo; en portugués dinlle morango. A palabra azucre designa a substancia doce que se disolve na auga e que se extrae sobre todo da remolacha e da cana, o que é o açúcar en portugués.
E cando se vai emitir? Isto lévanos a lembrar esta iniciativa que saía hai ben pouco nos medios.
Nesta serie tamén feiran de segunda a sexta, ou de luns a venres, como prefirades! Pois, como ben sabedes, os nomes dos días da semana en portugués son: segunda-feira, terça-feira, quarta-feira, quinta-feira, sexta-feira, sábado e domingo; equivalentes ás formas galegas luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo.
Carlos Amado e Alba Mancebo amósannos nun vídeo entretido e dinámico unha pequena aproximación a termos e expresións portugueses que empregan nesta serie, comparándoas co galego. Por exemplo, como debemos saudar en portugués? Pois con ‘olá’ ou ‘tudo bem?‘, mais non preguntando ‘que tal?‘ Ademais, tamén nos explican algunhas formas que se empregan de xeito diferente nos dous idiomas. Por exemplo, ‘almorzo’, termo que en portugués (almoço) designa o noso ‘xantar’, xa que eles empregan ‘pequeno almoço’ para referirse ao noso ‘almorzo’. Ademais, seguindo coas comidas, en portugués chámanlle ‘jantar’ ao que para nós é a cea. Así mesmo, tamén nos comentan algunhas curiosidades, como que en portugués non empregan o termo ‘cu’ como facemos nós, senón que prefiren a forma ‘rabo‘.
É que, aínda que está claro que o galego e o portugués comparten moito vocabulario, hai diferenzas que poden levarnos a engano. Por exemplo, aquí dicimos que algo está ‘exquisito’ e quedamos tan ben, pero en portugués estamos dicindo que é raro e extravagante, o que pode causarnos algún problema. E o mesmo pasa con ‘espantoso’, que en galego ten un significado negativo e en portugués designa algo extraordinario e marabilloso. Ai, é que os matices das linguas son infinitos!
Ben sabemos que as linguas ‘combinan’ con todo, pero en canto a significados, haiche un mundo de apreciacións… En galego, ‘combinar’ significa xuntar varias cousas para que resulte unha distinta, coordinar varios aspectos…; en portugués, tamén se emprega esta forma co significado de ‘quedar con alguén’.
Así mesmo, en galego empregamos o termo ‘barata’ para designar unha cousa que non é cara, pero sabías que en portugués unha ‘barata’ é unha cascuda?
E poderiamos seguir con outras moitas palabras, pero o mellor que podemos facer é aproveitar esa xanela aberta ao portugués que nos ofrece a TVG para aprender máis desta lingua irmá que nos toca tan de preto. Gozade da dozura dos morangos con açúcar!
E logo, que pensas?