Continuamos con homenaxes e lembranzas ao autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, o progama ‘ZigZag Diario’, que se emite na segunda canle da TVG, ofrecíanos a súa achega á memoria deste poeta.
Nunha entrevista, Xosé Luís Rivas, “Mini”, e Baldomero Iglesias, “Mero”, ambos integrantes do grupo A Quenlla, coa música do coñecido poema ‘O carro’ de fondo, facían unha lembranza a todas as facetas vitais do escritor chairego, achegándonos unha visión súa máis estreita e persoal.
“Manuel tiña a musicalidade dos versos, o don da poesía, era un señor da palabra”, foron algunhas das palabras coas que Mero describía o poeta. Así mesmo, aludía a presenza da tan nomeada ‘señardade’ nos seus versos, a soidade, cando “moitas veces miramos ao lonxe para vernos por dentro”.
Mini refírese a Manuel María como “o poeta das pequenas cousas, e das grandes, das grandes interrogantes”.
Ademais, para rematar o programa, en ZigZag Diario ofrecéronnos tamén unha nova versión do coñecido poema ‘Galicia’, interpretado por Fuxan os Ventos, coa letra de Manuel María, coa música de Suso Vaamonde e coa colaboración do cuarteto Saiva Nova.
Na canle temática do Día das Letras Galegas 2016 da CRTVG tes moita máis información relacionada con este poeta chairego.
Como indicaba Mero, Manuel María “falaba moito e falaba ben”, e segue falando na voz de todos/as os/as que o homenaxeamos nesta data.
E logo, que pensas?