Hoxe imos seguir falando de expresións galegas que teñen un uso frecuente, e non sempre correcto, e comentando un pouco o seu significado e o seu emprego axeitado.
A primeira expresión que imos comentar é a de *custar un riñón, que é incorrecta en galego, xa que parte da palabra *riñón, que na nosa lingua é ril. Ademais diso, en galego non se emprega a tradución equivalente *custar un ril, senón que dicimos, por exemplo, custar un ollo da cara. Así mesmo, cando non nos referimos a un valor económico, senón de traballo e esforzo, dicimos que algo custa ferro e fariña, é dicir, que resulta moi difícil.
Por outra banda, cando algo é moi fácil de lograr ou se consegue de casualidade, en galego debemos evitar o termo *chiripa e empregar outras formas como chorra ou potra. Neste mesmo contexto, tamén é moi habitual oír e empregar a expresión o meu can pillou unha mosca, sinalando ese mesmo factor de casualidade.
Xa sabemos que en galego todo “queda ben”, pero se o facemos correctamente, moito mellor!
E logo, que pensas?