Hoxe imos seguir falando de expresións galegas que teñen un uso frecuente, e non sempre correcto, e comentando un pouco o seu significado e o seu emprego axeitado.
Nesta ocasión imos achegarnos ao amplo e curioso mundo dos insultos ou adxectivos descualificativos, que tamén están moi presentes na nosa lingua, para ir vendo a variedade de posibilidades que nos ofrece o galego.
Unha expresión que oímos moi frecuentemente é *cabeza de chorlito, que debemos evitar a favor doutras expresións propias como cabeza tola, cabeza de vento ou cabeza torda.
Así mesmo, outro adxectivo que se usa moito de xeito incorrecto en galego é *cabezota, cando o noso propio idioma nos ofrece multitude de termos nosos que podemos empregar, como cabezón, cabezán, cachamoulán, cachán, carneirán, teimudo, testalán, testán ou testudo. Ademais, debemos evitar o emprego da forma *terco, que tamén é incorrecta en galego.
Xa sabemos que en galego todo “queda ben”, pero se o facemos correctamente, moito mellor!
E logo, que pensas?