Hoxe imos seguir falando de expresións galegas que teñen un uso frecuente, e non sempre correcto, e comentando un pouco o seu significado e o seu emprego axeitado.
A primeira delas é *á postre, unha locución adverbial que se emprega co significado de ‘ao último, á fin’. Non é unha forma correcta en galego e debemos evitar o seu uso empregando, por exemplo, en definitiva, ao cabo, á fin ou ao final.
A seguinte é *á sazón, outra locución adverbial que significa ‘naquel tempo, naquela ocasión’. Esta locución tampouco é correcta na nosa lingua, polo que debemos empregar outras formas como, por exemplo, daquela, entón, naquel momento.
A última expresión da que imos falar é *a traverso, forma incorrecta en galego que se emprega con frecuencia no canto de a través, que é a locución preposicional correcta.
Xa sabemos que en galego todo “queda ben”, pero se o facemos correctamente, moito mellor!
E logo, que pensas?