Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Máis expresións galegas que “quedan ben”

0

Hoxe imos seguir falando de expresións galegas que teñen un uso frecuente, que non sempre é correcto, e comentando un pouco o seu significado.

A primeira delas é a cachapernas. Empregamos esta locución adverbial co significado de ‘montado ou sentado sobre algo ou alguén cunha perna para cada lado’. Tamén podemos empregar as formas a ou ás carranchapernas e a ou ás carranchas.

A seguinte expresión é *a reganadentes, forma incorrecta en galega, que debemos substituír por de mala gana ou a contragusto.

Por último, imos comentar a locución adverbial a queimarroupa, que empregamos para designar algo que se fai desde moi cerca (empregándose frecuentemente co verbo disparar), ou para un feito que sucede de repente e de xeito inesperado. Podemos dicir tamén a boca de cano, pero non debemos usar a expresión *a bocaxarro, que é incorrecta en galego.

Xa sabemos que en galego todo “queda ben”, pero se o facemos correctamente, moito mellor!

 

E logo, que pensas?