Chegou a noite das meigas, a de san Xoán, onde non pode faltar unha boa fogueira, que se saltará cumprindo coa tradición. As cacharelas, cacheiras, cachelas, fogueiras, laradas, lumaradas, luminarias… son o símbolo por excelencia desta noite máxica.
Este serán comezarán a acenderse espalladas por toda Galicia multitude de cacharelas arredor das que estarán milleiros de persoas comendo, bebendo, cantando, bailando… Cando as horas vaian pasando e o lume vaia morrendo, a tradición manda saltar a fogueira, sempre un número de veces impar. En moitos lugares dinse mentres se salta versos coma estes:
Salto por riba
do lume de san Xoán
para que non me morda
cadela nin can
nin bicho vivente
que ande polo chan
Ao lume destas cacharelas atribúenselle propiedades purificadoras, contra o meigallo e o mal de ollo e incluso curativas.
Ademais, tradicionalmente, esta era a noite en que as meigas facían trasnadas, movendo cousas de lugar entre a veciñanza (como cancelos, carros…) e incluso cambiando animais de corte.
Así mesmo, para aquelas persoas que desexen aventurarse a descubrir o seu futuro, sobre todo en cuestións relacionadas co amor, esta é a noite máis propicia. Para isto débese escascar un ovo ás doce da noite, botalo nun vaso de auga e deixalo ao sereno ata pola mañá, cando se verá a forma que colleu para saber o futuro da persoa que o fixo.
E logo, que pensas?