O 27 de marzo celebrouse o Día Mundial do Teatro, un día que homenaxea a arte da representación.
Moito mudaron as cousas en Galicia desde aquel ano 1882 en que se levaba a escena ‘A fonte do xuramento’, unha peza teatral de Francisco María de la Iglesia que está considerada como a primeira obra representada en galego, superando todos os prexuízos lingüísticos existentes na época. Este foi o primeiro paso, pero a arte teatral foi andando e andando e a día de hoxe está afianzada e establecida na oferta cultural galega.
Levántase o pano (non o *telón) e comeza a función. Entre bastidores, cada unha das pezas que constitúen a decoración lateral dun escenario teatral e que consisten en teas ou papeis pintados colocados nunha armazón de madeira, os actores e actrices vanse preparando. Soben e baixan as bambolinas, cada unha das pezas que constitúen a decoración superior dun escenario teatral e que consiste en teas ou papeis pintados. O espectáculo está garantido.
Unha mostra de que en Galicia o teatro está moi vivo son os Premios María Casares que se entregan mañá no Teatro Rosalía da Coruña, que se retransmitirán pola web da CRTVG, e que este ano celebran a súa vixésima convocatoria. Reciben o nome dunha actriz galega exiliada a Francia, filla de Santiago Casares Quiroga, presidente republicano do Goberno de maio a xullo de 1936. Estes premios son outorgados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que galardoan os mellores profesionais do teatro galego.
Mañá, ás 21:00 h., saberemos quen son os/as galardoados/as. Despois, os Premios María Casares baixarán o pano ata o ano vindeiro.
E logo, que pensas?