Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Galicia somos nós: a xente e mais a fala

0

Co Día das Letras Galegas cada vez máis preto, son moitas as  lembranzas que se lle fan a Manuel María, o poeta homenaxeado este ano. Nesta ocasión, a agrupación Son do Sil, do Barco de Valdeorras, versionou no Luar da TVG un dos poemas máis coñecidos deste autor: ‘Galicia’.

Manuel María foi un defensor da lingua e da cultura galega, e así o manifestaba neste poema, ao que lle puxeron música e voz Son do Sil: “Galicia somos nós: a xente e mais a fala, se buscas a Galicia, en ti tes que atopala!”.

Tamén foi un home preocupado por todo o relacionado coa vida do campo e cos seus labores, e polos labregos, aos que vía “cargados de traballos, cargados de trafegos”.

Manuel María, moi comprometido co noso, definía Galicia neste poema como “unha nai velliña, soñadora: na voz da gaita rise, na voz da gaita chora!”. E tamén dicía: “Galicia é o que vemos: a terra, o mar, o vento… Pero hai outra Galicia que vai no sentimento!”.

El tiña Galicia moi metida no sentimento, ao igual que a nosa xente, a nosa fala. Busquemos a Galicia, e nós temos que atopala!

E logo, que pensas?