Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Estamos de fin de semana, imos de xolda?

0

Esta semana, co gallo do Día das Letras Galegas, a TVG emitía por primeira vez en televisión a película ‘A Esmorga’. Baseada na obra do mesmo nome escrita por Eduardo Blanco Amor, ten como fío argumental a noite de xolda dos tres personaxes principais. A eles fóiselles un pouco da man a festa, pero hoxe nós, posto que xa estamos na fin de semana, imos falar de termos galegos empregados para referirnos á esmorga,  a saír de festa, nun sentido menos extremo ca o que reflicte a película.

En galego son moitos os termos  que empregamos para referirnos a unha saída de lecer, normalmente nocturna, que adoita ser sinónimo de xente e de bulicio. Á parte da propia palabra que leva o título da película, esmorga, usamos outras moitas formas, como xolda, algueirada, carallada, gandaina, troula, rexouba, chola, foliada, riola, troula, trouleo, ruada ou festa.

Outro termo frecuente que se emprega con este mesmo significado é pándega.

Ademais, en galego a palabra esmorga tamén se refire a unha comida abundante que toman un grupo de amigos xuntos.

Gozade da fin de semana e ide de troula!

E logo, que pensas?