Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Entre botelos e androllas

0

Moito nos gustan aos/ás galegos/as as festas gastronómicas! Témolas repartidas ao longo de todo o ano e dedicadas a todo tipo de alimentos.
Esta fin de semana toca homenaxear un dos produtos galegos típicos: o botelo, e vanse encargar de facelo na Fonsagrada, como levan facendo desde hai xa 19 anos.

Pero… sabe todo o mundo o que é o botelo? Por se alguén non o ten moi claro, o botelo é un embutido que se fai co estómago ou co intestino groso, enchéndoo de costela de porco picada e adubada con allo, pemento e sal, e despois curándoo.

O botelo elabórase sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense, e é un alimento que se consome principalmente no inverno.

Hai, ademais, outro embutido parecido, a androlla, que é un embutido feito co intestino groso do porco a base de ósos, costela e carne picada e adubada con pemento, allo e loureiro.

O botelo e a androlla poden parecer moi semellantes, xa que a base dos dous é a costela de porco adubada embutida en tripa, pero realmente son dous embutidos diferentes.

Normalmente, o botelo leva un mínimo dun 70% de costela con óso, ata un 15% de ósos de cabeza e espiñazo con carne e outros ósos. Levará tamén coiros e magro.
A androlla, en cambio, leva un mínimo dun 90% de costela con óso, e o resto só poderán ser coiros.

O adubo nos dous embutidos será, fundamentalmente, sal, allo, pemento doce e picante.
Unhas das diferenzas fundamentais entre o botelo e a androlla é o tipo de tripa en que se embuten (de porco ou de vacún, o estómago ou o intestino groso…), que marca tamén o seu tamaño. O botelo oscila entre os 500 gramos e os 5 quilos, e a androlla vai dos 200 gramos ao quilo.

Agora só nos falta facer unha degustación e gozar da festa.

E logo, que pensas?