Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

En san Xoán, meigas e bruxas fuxirán

0

Seguimos falando de tradicións da noite máis máxica do ano. Hoxe é a quenda das herbas de san Xoán, un costume herdado das celebracións pagás do solsticio de verán.

A tradición manda na noite máis feiticeira para os/as galegos/as, e un dos ritos que aínda se conserva en moitas casas é o que se denomina ‘facer o cacho’. Para isto é preciso recoller auga, a poder ser de sete fontes, deixala nunha almofía, nun caldeiro ou algo similar, e botar nela unha serie de herbas aromáticas, ás que se lles atribúen propiedades curativas. É preciso deixar a bañeira coa auga e as herbas ao orballo da noite.

As herbas que se empregan tradicionalmente para isto son o fiúncho, o fento macho, o codeso, a abeloura (ou herba de san Xoán), a malva, o romeu e a herba luísa.

Á mañá seguinte lavaremos a cara con esa auga, á que se lle atribúen propiedades antienvellecemento, sandadoras e purificantes. Ademais, tamén ten virtudes máxicas, que permiten afastar as envexas.

Así mesmo, existe tamén a crenza de que estas herbas protexen as vivendas e as persoas contra as meigas, que están máis presentes ca nunca nesta noite. Debido a isto, moitas persoas colocan estas herbas nas portas e ventás, para espantar as bruxas.

 

E logo, que pensas?