Hoxe imos falar dun animal que está moi presente en moitas casas galegas: a galiña. No programa Por algo será! da TVG foron na busca da galiña do país e estiveron con pitas de Mos, piñeiras…, e descubríronnos moitas cousas novas, por exemplo, que en Galicia hai máis galiñas ca galegos/as!
En galego temos diferentes nomes para referirnos ás galiñas. Cando son novas chamámoslles polas ou pitas. Ademais, tamén reciben o nome de chuchas e churras. Se nos referimos ás crías deste animal empregamos os termos pitos ou polos.
Para designar o macho da galiña, temos as palabras galo e capón. Esta última palabra emprégase, máis concretamente, para o galo castrado e cebado.
Ao son que emiten estas aves chamámoslle cacarexo, co verbo correspondente cacarexar. Son sinónimos deste termo cascarexar e carlear.
Ademais, empregamos o verbo chocar cando as galiñas lle dan calor aos ovos, deitándose sobre eles, para que se desenvolvan e nazan os pitos. Dicimos que as pitas están chocas cando están en período de chocar ou incubar ovos.
As galiñas tamén están moi presentes en moitas frases que usamos na nosa vida cotiá. Por exemplo, cando imos para a cama moi cedo dicimos que nos deitamos coas galiñas. Tamén dicimos que temos pel de galiña cando se nos altera polo frío ou por un arrepío.
Moi no, todo los términos utilizados .