Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Emerxencia ou urxencia

0

Urxencia Cero é o nome da nova aposta da TVG que onte celebrou a súa preestrea na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. E de urxencia e emerxencia imos falar hoxe.

Moitas veces estas dúas palabras mesturan os seus significados e acabamos usándoas incorrectamente. Pois ben, hoxe, aproveitando o título desta nova serie, imos explicar un pouquiño as acepcións de urxencia e emerxencia.

En galego, unha urxencia é algo que é urxente ou unha situación de perigo que precisa unha solución ou acción inmediata. En termos médicos, é unha doenza que require a administración inmediata dun tratamento ou  medicamento.

Pola contra, unha emerxencia é a acción ou efecto de emerxer, é dicir, a saída á superficie de algo ou alguén que estaba somerxido. Tamén empregamos esta palabra para referirnos a alguén que sobresae ou destaca nalgún ámbito (por exemplo, a emerxencia dun escritor) e para falar de algo que xorde ou aparece.

Nesta nova serie queda claro que o que imos ver van ser as urxencias dun hospital e todo o que hai arredor delas. Xa nos tarda vela, seguro que acabamos enganchados/as!

 

E logo, que pensas?