Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Día de homenaxe ás mulleres rurais

0

Hoxe celebramos o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha homenaxe promovida pola ONU que quere destacar a contribución das mulleres ao desenvolvemento do medio rural.

En Galicia, o papel da muller nos labores agrícolas e gandeiros foi e é, se cabe, aínda máis destable. Traballadoras incansables, loitadoras, responsables ou corresponsables de moitas explotacións… e tamén, moitas veces, nais, fillas, esposas…

O peso social da muller galega é inmenso. Sempre foi así, e ségueo sendo. Traballan incansablemente fóra e dentro da casa, nelas recaen moitas tarefas do campo e, xeralmente, tamén moitas responsabilidades familiares, como o coidado dos/as nenos/as e dos/as maiores.

Aínda que os medios e recursos foron mellorando e hai unha maior concienciación sobre igualdade e correponsabilidade nas familias, elas son un piar fundamental  no mundo rural galego. Malia isto, á hora de chegaren a cargos de responsabilidade, téñeno moito máis difícil ca os homes e sempre son minoritarias. Romperase esa barreira algún día?, esperemos que si!

Hoxe, no Día Internacional das Mulleres Rurais, recoñecemos e agradecemos todo o labor e esforzo das mulleres rurais. Ademais, lembramos que co traballo tamén pode ir a festa, como nos confirman algunhas das protagonistas de Alalá.

 

 

 

 

E logo, que pensas?