Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

De rebaixas e facendo contas

0

Vai por ti, Salva!

Alá onde queira que esteas e desde onde nos vixías sei que che debemos xerar algunha que outra dor de estómago. Explícome; como sabemos, non hai perda máis cruel de puntos ou dun partido que sexa no tempo engadido, si, ese que aumentan os colexiados por perdelo durante os noventa minutos. Xa sabemos, xa, que non se desconta nada, que non estamos nas rebaixas, algo en que ti insistías un e outro luns e que xa imos utilizando e vendo máis a miúdo. Unha mágoa o de Riazor do domingo.

Igual que outras frases que na linguaxe dos xornalistas deportivos nos gustan adoptar. Por exemplo, collemos do tenis “partido de morte súpeta”, ou da hípica “un xogador puro sangue” -cando o termo só é para animais-, ou do xadrez, un empate ao final do partido é que os equipos “asinen táboas”.

E aquí detéñome, porque como persoa teimuda que eras, insistías tamén en que se desde que nos partidos de fútbol o que se xogan son tres puntos, se acaban en empate, por que se fala de “reparto de puntos” se ningún equipo leva 1,5?

Hai moita tea que cortar e volverei con algunha das túas ensinanzas e recomendacións que tan ben nos deixaches no apartado de “Lingua e deporte”.

Nota: Salva foi lingüista de TVG e dedicado en corpo e alma á sección de Deportes ata que nos deixou en 2011.

E logo, que pensas?