Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Chegando a Galicia, pasiño a pasiño… e con música

Os camiñantes máis coñecidos da TVG, Lucía Pérez e Tonhito de Poi, seguen a súa peregrinación, pasiño a pasiño, ata chegar ao seu destino. En #DestinoStgo non todo vai ser andar, tamén hai tempo para conversar con xente e descubrir que tanto Lucía como Tonhito levan a profesión de cantante moi metida no sangue, xa que a música está moi presente no seu día a día de Camiño.

A música esperta sentimentos e fainos lembrar cousas, momentos persoas… e incluso remontarnos ao ano 1969, ao 3 de novembro, cando unha canción chegaba ao máis alto das listas de éxito españolas. Iso non tería nada de particular se non fose por unha cousa moi importante: era unha canción en galego. Estamos falando de ‘O tren’, de Andrés do Barro, unha composición que tamén lembraron estes días destinosantiago. ‘O tren’ foi a única canción escrita na nosa lingua que foi número 1 nas listas de éxitos españolas, nunha época en que o galego non era oficial e incluso estaba mal visto nalgúns ámbitos. ‘O tren’, ao que se lle dedicou unha entrega do programa O bico un cantar, da TVG, ten moito significado para os/as galegos/as posto que simboliza a felicidade de volver á casa, cunha música chea de ritmo, vitalidade, optimismo…


Optimismo, vitalidade e ritmo tampouco lle faltan a Lucía e Tonhito, que seguen o Camiño andando e, como non, cantando.

E logo, que pensas?