Corría o ano 1916 cando, un día coma hoxe, o 18 de maio, se celebraba no local da Real Academia Galega da Coruña unha xuntanza, convocada por Antón Vilar Ponte, en que persoeiros galegos da época, como Manuel Lugrís Freire ou Uxío Carré Aldao, acordaban a creación da Irmandade dos Amigos da Fala, para dignificar, defender, exaltar e fomentar a lingua galega.
Pouco a pouco fóronse creando agrupacións locais, como a de Santiago, a de Pontevedra e a de Ourense, e nelas integráronse máis persoeiros que compartían a finalidade desta Irmandade. Ademais, pasando o tempo, tamén se foron creando outras agrupacións na emigración, como na Habana e en Bos Aires.
As Irmandades tiñan como finalidade a promoción da cultura e da lingua galega, para o que organizaban distintas actividades como recitais, cursos de galego ou exposicións.
En novembro dese mesmo ano nace o órgano oficial das Irmandes, ‘A Nosa Terra’, un xornal escrito integramente en galego baixo a dirección de Antón Vilar Ponte. Nel colaboraron moitos intelectuais da época.
Ademais, ao abeiro das Irmandades nacen o Grupo Nós, no ano 1920, e o Seminario de Estudos Galegos, en 1923, que xogan un papel importante na difusión e defensa do noso idioma.
As Irmandades da Fala tiveron actividade entres os anos 1916 e 1931 e desempeñaron un papel moi relevante na defensa e dignificación do galego. Hoxe fai 100 anos da creación desta agrupación, polo que non podiamos deixar de lembrar o seu importante labor.
E logo, que pensas?