Galicia é coñecida polo mundo adiante por moitos motivos, pero un dos máis importantes é, sen dúbida, o Camiño de Santiago. Milleiros de camiñantes percorren esta ruta, en todas as súas variantes posibles, levados polas motivacións máis diversas. Moitas das persoas que viviron esta experiencia afirman que é única e recomendable e que marcou un antes e un despois nas súas vidas.
Ademais do marcado carácter relixioso que ten o Camiño, co culto ao apóstolo Santiago, abrangue tamén moitos outros ámbitos, como o espiritual ou o simplemente o do lecer.
Un dos símbolos que máis recoñecemos en Galicia como forma de representación do Camiño é a cuncha de vieira, que traían e aínda traen colgada moitos camiñantes. Sobre esta tradición existe unha lenda que afirma que un cabaleiro que acababa de casar, cando paseaba por unha praia, viu unha embarcación á valga e foi cabalgando para axudar e evitar o naufraxio, poñendo en perigo a súa vida, pero conseguiu saír vivo grazas a unha forza que o sacou á superficie, quedando el e o cabalo cubertos de cunchas de vieira. Dise que a barca que estaba en perigo era a que portaba os restos do Apóstolo, por iso a cuncha quedou como símbolo dos peregrinos.
Son múltiples as historias, lendas e tradicións que se contan sobre o Camiño, das que falaremos en vindeiras ocasións, e que mostran a importancia que as rutas xacobeas teñen na nosa terra. E, precisamente, nesta experiencia quixo centrarse a TVG, a través da “slow tv” ou a televisión a modiño, emitindo un espazo en directo en streaming dende a páxina web destinosantiagoTVG.gal en que dúas caras moi coñecidas , Lucía Pérez e Tonhito de Poi, fan o Camiño e amósanlles as aventuras da súa andaina.
Grazas a #DestinoStgo profundaremos máis no Camiño, dun xeito innovador e sendo a TVG pioneira en España neste tipo de formatos.
E logo, que pensas?