Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Atención, nevadas!

0

Este inverno dá a sensación de que non foi moi frío, pero aínda falta un pouco para a primavera, polo que a cousa aínda pode mudar. De feito, segundo as predicións do tempo, esta fin de semana as temperaturas caerán e chegará a neve a moitos puntos de Galicia.

A neve, eses pequenos cristais de xeo que proceden da conxelación da auga das nubes, cae en forma de cerello, faísca, falopa, fargallo, farrapa, farrapo, felepa, foleca, foupa, galapo, melga… , todas elas palabras empregadas en galego.

Ademais, empréganse unha serie de expresións aplicadas á neve, dependendo do seu tipo ou grao de conxelación.

Falamos de neve en po cando nos referimos a un estadio intermedio entre o xeo e a neve, que se forma por sucesivas fusións e recristalizacións en zonas onde se acumulan importantes espesuras de neve.

A auga de neve é a chuvia miúda mesturada con neve tamén miúda.

Para referirnos á acción e efecto de nevar ou á cantidade de neve que cae dunha soa vez temos en galego as formas nevada ou nevarada.

A neve é moitas veces sinónimo de divertimento, sobre todo para os máis pequenos, así que esta fin de semana haberá que aproveitar para gozar dela, antes de que descalle.

 

 

 

E logo, que pensas?