Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

As cousas do vento

0

Para esta fin de semana está marcada unha alerta laranxa por vento en diferentes puntos de Galicia, tanto no litoral coma no interior. E diso imos falar un pouco, do vento.

Dependendo de factores como a intensidade ou a dirección, en galego atopamos múltiples termos que fan referencia ao vento.

Falamos de ‘refacho’ para definir un golpe de vento producido por un cambio brusco da dirección do mesmo. Son sinónimos deste termo outras formas como ‘axada’, ‘refoleo’ ou ‘remosque’.

Ademais, emprégase ‘aireada’ ou ‘ventada’ para referirnos a un golpe forte de vento.

Chamámoslle ‘bafarada’, ‘bufarada’, ‘bafareira’ ou ‘bocalada’ a un golpe ou exhalación de aire.

En galego temos a palabra ‘virazón’ para referirnos ao vento do mar, en particular o que sopra durante o día. Tamén se emprega este mesmo termo para un cambio repentino na dirección do vento.

Vendo a predición meteorolóxica, esta fin de semana vai tocar resgardarse e buscar acubillo nun sitio agradable.

E logo, que pensas?