Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

Aí vén o maio

0

Case sen decatarnos, chegou maio, e con el unha das celebracións galegas máis senlleiras, que levan ese mesmo nome: os maios. Con eles celebramos que rematou o inverno e que chegou a primavera. Esta é unha festa de orixe celta que está moi arraigada en Galicia, sobre todo en Pontevedra e Ourense. Ademais, está declarada de interese turístico.

Os maios son unhas construcións, normalmente de forma cónica ou piramidal, feitas con armazóns de varas e canas, recubertas con plantas e flores e adornadas con elementos como laranxas, ovos…

Nesta festa teñen tamén un papel moi importante as coplas, dedicadas sobre todo á primavera, de cáracter alegre e festivo. Ás veces tamén se aproveitan estas cantareas para criticar persoas ou cousas do lugar.

Os maios teñen un marcado carácter festeiro, pero tamén teñen un papel crítico. Isto comprobámolo xa en fontes literarias. Así lles cantaba aos maios un Curros Enríquez reivindicativo:

O maio

Ahí ven o maio
de frores cuberto …
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo galego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno! …

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan os meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros? …
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Con todo, do que se trata e de celebrar a chegada da primavera e de gozar da festa, así que, estade atentos/as, que aí vén o maio!

E logo, que pensas?