Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

A vestimenta tradicional galega

0

Aproveitando que no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela podemos ver unha mostra sobre a vestimenta tradicional galega, co nome de ‘A indumentaria’, hoxe imos facer un repaso sobre as pezas que a compoñen.

Evidentemente, eran moitas as diferenzas entre os traxes de acotío e os de festa, e tamén entre as diferentes zonas de Galicia e entre as distintas clases sociais. Con todo, existen un conxunto de pezas que os definen.

En canto aos tecidos empregados para a confección desta vestimenta, os principais era o candil ou picote (tecido de liño e estopa ou de liño e la elaborado tradicionalmente nos teares), a urda (conxunto de fíos paralelos e xustapostos, que se colocan ao longo no tear para pasar entre eles os fíos da trama e así facer a tea), o liño e a la.

O traxe feminino levaba unha chambra, cunha parte de arriba chamada cós (parte superior da camisa das mulleres que vai desde os ombros ata o van) e unha parte de abaixo chamada faldra (parte inferior do vestido, que non vai cinguida ao corpo, senón que cae solta desde a cintura para abaixo); ou unha camisa e unha enagua. Debaixo da enagua adoitaban levar as calzas. Por riba vestían unha saia con voo, á que tamén se lle chamaba refaixo, e por riba dela podían levar un mantelo (peza do vestiario que se ata á cintura e ás veces tamén ao pescozo e que se pon sobre a outra roupa para non manchala por diante) ou unha vasquiña (saia longa ata os pés, con pregos na cintura e moito voo). Así mesmo, enriba da camisa adoitan levar un mantón ou un corpiño. Os días de festa usaban, ademais, unha peza chamada dengue (Peza do traxe tradicional feminino semellante a unha esclavina de pano adornado con veludo e abelorios, con puntas longas que se cruzan sobre o peito e se abrochan por detrás). A cabeza adoitaban levala cuberta cun pano ou con cofias ou sombreiros. En canto ao calzado, o habitual acotío eran os zocos, e os días de festa, os zapatos.

O traxe dos homes estaba composto por un calzón sobre o que puñan unhas cirolas e unhas polainas ata máis abaixo do xeonllo. Despois pasaron a usar pantalóns ata os nocellos. Na cintura levaban unha faixa. A parte de arriba ía cuberta cunha camisa e cun chaleco e unha chaqueta curta ou unha almilla (peza de vestir axustada, con ou sen mangas, que cobre a parte superior do corpp . A cabeza cubríana cun pucho ou cunha monteira. Calzaban zocos e zapatos os días de festa.

E logo, que pensas?