Estamos xa na recta final do mes de vacacións por excelencia, onde se xuntan festas e festas e onde o verán está en todo o seu esplendor. Xa pasaron as festas da Nosa Señora (que se celebran en multitude de lugares galegos), a Peregrina de Pontevedra, o San Roque de Betanzos… Seguen coas festas de María Pita na Coruña. Comezará mañá mesmo o San Bartolomeo de Noia, e en moitos lugares celebrarán o San Ramón a finais de mes.
Vendo que é un mes de festa, de celebracións e de alegría, imos ver que nos conta o refraneiro popular galego sobre agosto, que, coma sempre, fai alusión a festas, costumes, aos labores do agro, ao tempo.
- A castaña quere en agosto arder e en setembro beber
- A chuvia no mes de agosto non é chuvia, é mel e mosto
- Agosto, frío no rostro
- En agosto, o porco pon o entrecosto
- En agosto, sol posto, noite connosco
- O mes de agostiño fai o bo viño
- O millo de san Bartolomeu nin é meu nin é teu
- Pasados os Remedios e san Roque, xa non hai sesta nin merendote
- Porco agostado é medio cebado
- Se chove en agosto, non gastes diñeiro en mosto
- Vale máis nubrado en agosto que sol de setembro
- Agosto e vendima non son cada día
- Agosto madura e setembro vendima as uvas
- Agosto marchou, o que mallou mallou
- Despois da Peregrina, o inverno vén enriba
- Aí vén san Lorenzo co caldeiro penso
- En agosto está a auga tras do toxo
- Limpa e arranxa a eira cando está agosto á beira
E logo, que pensas?