Comezou maio, o mes en que celebramos o Día da Nai, o Día Internacional dos Traballadores, os maios, as festas da Ascensión, o Día das Letras Galegas… Teremos 31 días para gozar do mes primaveral por excelencia, sempre que a meteoroloxía nolo permita! E se chove, collemos o paraugas, e listo!
O refraneiro galego dedicado a este mes é moi amplo e variado, facendo referencia ao tempo, aos cultivos, ás flores, ás tradicións… De todos estes ditos podemos tirar algún consello ou ensinanza. Aquí deixamos unha selección:
- Maio atreboado, ano temperado.
- Maio longo, maio pardo, ano farto.
- Maio, maión, moitas flores e trebón.
- Maio me molla, maio me enxuga, maio me bota á sepultura.
- Maio me molla, maio me seca, maio me dá unha sacudida de fame, non de fartura.
- Maio pardo carga bois e carro.
- Maio pardo, sinal de bo ano.
- Maio ventoso, ano fermoso.
- Maio ventoso, para o labrego fermoso e para o mariñeiro, penoso.
- A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano.
- A ovella do pobre no maio morre.
- A sardiña no maio que a parta un raio.
- Auga de maio, crece o pelo un palmo.
- Auga en maio detrás do arado.
- Auga en maio, pan todo o ano.
- Chuvia en maio, a mexadiña dun gato.
- Detrás de maio vén san Xoán.
- Días de maio, días de desventura: aínda non amañece e xa é noite escura.
- Días de maio tan longo sodes, que morro de fame e morro de amores.
- En maio aínda a vella queima o tallo.
- En maio aínda bebe o boi no prado.
- En maio calquera besta é cabalo.
- En maio aínda a vella quenta o saio.
Sobre o tempo, lembrade o dito: se chove na Ascensión, corenta días de choiva son, un si e un non.
A sabedoría popular nunca falla, tomemos nota dos consellos!
E logo, que pensas?